Thursday 09 de May de 2024

Feijóo destaca que grazas ao traballo combinado das familias, do tecido social e das administracións Galicia é “un grande espazo de inclusión social”


Garante o compromiso de seguir dando pasos cara á plena inclusión das persoas con diversidade funcional: incrementando e mantendo as prazas de atención á discapacidade e aumentando as axudas aos concellos para mellorar a accesibilidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que grazas ao traballo combinado das familias, do tecido social e das administracións Galicia é “un grande espazo de inclusión social” e unha sociedade, no seu conxunto, solidaria.

Durante unha visita á exposición Esfuerza en imágenes, 10 años de deporte y superación, Feijóo agradeceu á Fundación María José Jove a súa implicación para abrir novos espazos de inclusión e por facer da Comunidade un lugar mellor, a través de iniciativas como Mirar con tacto, unha mostra deseñada para persoas cegas; co programa de préstamo de bicicletas adaptadas; a través do Proxecto Enki, dedicado a integrar e visibilizar as persoas con diversidade funcional; e co Programa Esfuerza, que leva dez anos amosándolle á sociedade que a diversidade funcional non debe ser un obstáculo para gozar das grandes experiencias da vida.

Ao longo da visita, Feijóo subliñou que nas fotografías desta exposición se pon de manifesto como as discapacidades se transforman en capacidades: capacidades de perseveranza, de cooperación e de superación.

Así mesmo, o presidente do Executivo autonómico garantiu o compromiso de seguir dando pasos cara á plena inclusión das persoas con diversidade funcional: incrementando e mantendo as prazas de atención á discapacidade e aumentando as axudas aos concellos para mellorar a accesibilidade e suprimir barreiras arquitectónicas.

“Crearanse tamén novas prazas para transporte a centros de atención a persoas con discapacidade, ademais das prazas para transporte escolar adaptado e comedor escolar para persoas con discapacidade”, dixo, ao que engadiu que este ano están reservadas 162 prazas dos campamentos de verán para mozos con discapacidade.

Feijóo concluíu subliñando que na Oferta Pública de Emprego convocada este ano hai reservadas 33 prazas para persoas con discapacidade intelectual.